Tuesday 07 de May de 2024

Edar Bens adxudica o servizo da xestión da planta á empresa Cadagua SA por un importe de 9,4 millóns de euros


O consello de administración tamén deu luz verde á adxudicación do contrato do servizo da asistencia técnica das instalacións á empresa Diagnóstiqa Consultoría Técnica, SL

O consello de administración da empresa supramunicipal Edar Bens SA aprobou esta mañá en sesión ordinaria celebrada en María Pita a adxudicación do contrato do servizo de explotación e mantemento das instalacións da depuración e saneamento xestionadas polo ente á empresa Cadagua SA por un importe máximo de 9.407.121 euros (máis o 10% de IVE). O período de adxudicación será de dous anos máis dúas posibles prórrogas dun ano.

Esta adxudicación dá resposta a resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidad Autónoma de Galicia (TACgal) a favor do recurso interposto por Cadagua SA contra a adxudicación da xestión da planta a UTE Sacyr- Sav- Dam- Valoriza. O tribunal obrigou a poñer en marcha un novo proceso en que a oferta de Drace Infraestruturas SA-Arias Infraestruturas foi excluida por non acreditar a súa solvencia técnica e na valoración final dos dous licitadores admitidos, Cadagua SA e a UTE Sacyr- Sav- Dam- Valoriza, a primeira obtivo maior puntuación.

Doutra banda, na sesión desta maña tamén se deu luz verde á adxudicación do contrato do servizo de asistencia técnica para as instalacións á empresa Diagnóstiqa Consultoría Técnica SL por un importe máximo de 180.000 euros (máis o 21% de IVE). O período sería dun ano máis outro de posible prórroga.